
Partindo da miña afección á talla de madeira e aos xogos tradicionais de habilidade e enxeño, en xuño do 2013 decido profesionalizar esta actividade creando un taller para a investigación e fabricación de xogos e xoguetes en Quiroga, corazón da Ribeira Sacra, dentro do Xeoparque Mundial da UNESCO “ Montañas do Courel” e en pleno Camiño de Inverno.
Comezo deseñando e fabricando no garaxe da miña casa os meus xogos e xoguetes, sempre de forma manual e autodidacta, que vendía en feiras e mercados de artesanía. Hoxe, ademais, teño un “Espazo”; un taller de fabricación, exposición e venda dos meus produtos en Rúa Real número 175 baixo de Quiroga. Lugo.
A intención de crear este proxecto é facer chegar a xente de todas as idades xogos e xoguetes que estimulen a mente para mellorar as nosas capacidades. Baseándome en xogos da miña infancia, uns respectando a súa forma habitual e outros adaptándoos a situacións e personaxes actuais.
Son xogos activos nos que usamos as nosas mans para activar o noso cerebro, practicando habilidades como a destreza, a lóxica e o enxeño sen case darnos conta.
Activámonos xogando!.
Consigo a “Carta de Artesán” numero 4.923 (25/01/2017) na actividade de “ Xoguetes”. Seguín crecendo xunto cos meus deseños e os meus proxectos, desde xaneiro do 2019 teño rexistrado o meu “Obradoiro” no rexistro xeral de Artesanía de Galicia co número 11.101 (21/02/2019).